Language

Que necesitas para emprender?

Necesitas unha idea e ganas de levala a cabo. Seguindo a metodoloxía INNOVATIA 8.3 podemos axudarche a converter a túa idea en empresa

PROGRAMA EMEGA 2020

PROGRAMA EMEGA 2020

O seu obxectivo é apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, xunto co impulso a outras medidas para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral e servizos de asesoramento cos que facilitar a implantación e a consolidación de proxectos liderados por mulleres.

O programa consolídase como unha medida para promocionar a participación das mulleres no mercado de traballo e aproveitar o seu potencial para crear novas oportunidades de negocio. A finalidade última é que aquelas mulleres que teñan unha idea poidan materializala e contribúan, ao mesmo tempo, a xerar riqueza e novos postos de traballo.

A convocatoria deste ano conta cun orzamento de 1,7 millóns de euros, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, a través do programa operativo do FSE Galicia 2014-2020. Como novidade, nesta orde darase maior énfase as axudas da liña Activa, dirixida á reactivación e a consolidación de empresas a través de incentivos para a renovación, a ampliación ou o cambio de localización cos que paliar unha situación económica adversa, agravada como consecuencia da crise sanitaria da covid-19.

Desta forma, con estas axudas preténdese garantir a pervivencia das empresas no actual contexto derivado da pandemia. Por iso, se flexibilizan os criterios de acceso sen que se requira que o negocio teña máis de tres anos ademais de valorarse o emprego mantido neste período.

Ademais da liña Activa, o programa Emega implementa outras tres liñas específicas: a ‘Emprende’, para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e crear emprego feminino estable por conta propia ou allea; a ‘Innova’, para fomentar a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade de empresas constituídas por mulleres; e a ‘ITEF’, para promocionar iniciativas empresariais con contido científico ou base tecnolóxica promovidas por mulleres.

A maiores, establecese a axuda complementaria ‘Concilia’, para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral nas súas dúas modalidades: a destinada a promotoras e para persoas traballadoras por conta allea.

Poderán ser beneficiarias das axudas as empresas privadas formadas por mulleres que inicien a súa actividade económica ou formalicen os seus plans ‘Innova’ ou ‘Activa’ no período comprendido entre o 1 de agosto de 2019 e a data do fin de prazo de presentación de solicitudes desta convocatoria, que comeza mañá e prolongarase durante un mes.

Contía das axudas

A contía das axudas dependerá da liña solicitada e do número de postos de traballo xerados para mulleres, tanto por conta propia como por conta allea. Así na ‘Emprende’ irán de 8.000 a 20.000 euros; na ‘Innova’, de 12.000 a 20.000; na ‘Activa’, de 6.000 a 15.000; e na ‘ITEF’, de 16.000 a 40.000.

No caso das axudas complementarias da liña ‘Concilia’, os incentivos serán de 3.000 euros por empresa na modalidade Concilia-promotoras e dun máximo de 5.000 euros na de Concilia-persoas traballadoras por conta allea.

Entidades colaboradoras